Sonic La Película é a mellor estrea dun filme baseado nun videoxogo

luns, 17 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O cambio de deseño de Sonic semella todo un acerto

As adaptacións de videoxogos a películas cinematográficas tenden a ser un desastre ao resultar complicado respectar a obra orixinal e tratarse normalmente de producións que simplemente aproveitan unha marca para facilitar a súa promoción, e cando Paramount Pictures amosou o que pretendía facer co ourizo azul de SEGA os seareiros de Sonic responderon dun xeito tan negativo que tiveron que realizar un redeseño completo do personaxe, que tiña unha aparencia demasiado humana e afastada do que o público está afeito nos videoxogos.
Arranxado o deseño de Sonic, era moita a curiosidade que había ao redor deste filme, e o que algúns chegaron a pensar que podería ser unha táctica de marketing resultou todo un acerto, e a estrea esta fin de semana de Sonic La Película non podería ter ido mellor, recadando 68 millóns de dólares nos EE.UU. e uns 100 millóns de dólares globalmente, no que nos EE.UU. xa consideran como o mellor lanzamento dun filme baseado nun videoxogo.
O filme conseguiu colocarse na primeira posición en recadación a pasada fin de semana en moitos dos países nos que se estreou, deixando claro que o redeseño do personaxe foi todo un acerto.
A estrea de Sonic La Película nos cines tería superado ao recente Detective Pikachu e ao filme de de 2001 Lara Croft: Tomb Raider, pois aínda que as adaptacións de videoxogos ao cine resulten populares, poucas son as que conseguen ser grandes éxitos de recadación (aínda que nalgúns casos é debido en boa medida por seren películas dirixidas a maiores de 18 anos, o que limita moito os seus resultados económicos).

Tráiler oficial de Sonic La Película

PUBLICIDADE