Sonos pon á venda unha barra de son que contará con AirPlay 2 e asistentes de voz

martes, 17 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A semana pasada Sonos anunciaba que os seus altofalantes de última xeración recibían compatibilidade con AirPlay 2, colocando estes produtos nunha posición privilexiada, xa que consegue unha versatilidade superior aos altofalantes conectados de Google, Amazon e Apple, ao integrar conectividade cos asistentes virtuais das tres compañías (aínda que o Asistente de Google aínda non está dispoñible).
Pero estas funcionalidades non se limitan a altofalantes que repartir polo fogar como o Sonos One e o Play:5, senón que tamén chegarían á nova barra de son da compañía, a Sonos Beam, que hoxe mesmo sae á venda a un prezo de 449 euros con modelos en branco e en negro (con acabado mate), que pode reproducir o son do televisor, pero tamén dos numerosos servizos cos que é compatible Sonos, ou sexa, que admite máis de 50 servizos de música (como Spotify ou Tidal), o uso de varios asistentes de voz (aínda que en España tardaremos meses en poder gozar desta funcionalidade) e incluso AirPlay 2, polo que sería un dos produtos deste tipo máis completos do mercado.
Esta barra de son ten un tamaño compacto e discreto (a súa lonxitude é de só 65 centímetros), de xeito que pode colocarse comodamente na mesa do televisor ou incluso montarse na parede; en combinación cun dispositivo de vídeo con Alexa podería aproveitar o control de voz para a reprodución de contidos de vídeo; e está previsto que estree en breve unha funcionalidade que permitirá o control do televisor a través da voz.
Tamén pode completarse con outros altofalantes de Sonos para conseguir son envolvente sen ter que empregar cables na instalación. A propia barra de son Sonos Beam conéctase á nosa rede doméstica mediante Wi-Fi pero, se temos unha conexións inestable tamén ofrece a posibilidade de empregar unha conexión Fast Ethernet. Temos así a que probablemente sexa a barra de son compacta máis completa do mercado, que posiblemente cativará aos usuarios que entrasen dentro do ecosistema Sonos, co que buscan encher o fogar de son achegado da Rede e dos nosos dispositivos móbiles.

Un dos detalles máis salientables da barra de son Sonos Beam é que será compatible con Siri, Alexa e o Asistente de Google

PUBLICIDADE