Sony Ericsson presenta novos móbiles Xperia con Android 2.3

mércores, 22 de xuño do 2011 Marcus Fernández

De cara ao terceiro trimestre do ano Sony Ericsson prepara 2 novos móbiles da familia Xperia e co sistema operativo Android 2.3, entre os que destaca polo seu acabado o Xperia ray, que ten un grosor de só 9,4 milímetros, 100 gramos de peso, carcasa con bordes de aluminio, pantalla de 3,3 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles que é case invisible cando está apagada (amosándose nunha cor negra fronte ao gris doutros terminais), cámara Exmor R de 8,1 Mpíxeles, procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz, soporte de tarxetas microSD de ata 32 Gb e unha batería de 1.500 mAh.


Noutra liña teñen o Xperia active, que conta cunha pantalla de 3 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, o que parece algo pobre, que pode perdoarse ao saber que estamos ante un dispositivo reforzado capaz de resistir po e auga cumprindo co estándar IP67 (concretamente podería soportar ata 30 minutos a un metro de profundidade).
A cámara do Xperia active é de 5 Mpíxeles, gravando tamén vídeo en alta definición, polo que é un dispositivo moi versátil. O seu fabricante insiste no feito de que a súa pantalla é resistente a rabuñaduras e que incorpora unha tecnoloxía única que permite que a súa pantalla táctil poida funcionar con dedos húmidos.

PUBLICIDADE