Sony anuncia o smartphone Xperia C con dobre SIM e pantalla de 5 polgadas

mércores, 26 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Sony continúa a apostar polos smartphones con pantallas de grande tamaño, e tras o esaxerado Xperia Z Ultra, presenta agora o Xperia C, que chega cunha pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles (prestación na que apunta bastante por debaixo doutros terminais semellantes en tamaño) e que serve para introducir o procesador MediaTek MTK6589 de catro núcleos a 1,2 GHz. Tamén conta con 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámara de 8 Mpíxeles capaz de disparar imaxes con HDR e cámara frontal para videoconferencia, sintonizador de radio FM, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, batería cunha autonomía de ata 14 horas e 4 minutos de conversa e ata 588 horas en espera, un grosor de 8,88 milímetros e 153 gramos de peso, que entendemos que busca ser un terminal cun prezo moderado, que busca atraer a certo público coa súa grande pantalla, a súa cámara e a posibilidade de funcionar con 2 tarxetas SIM de xeito simultáneo (prestación especialmente importante nalgúns mercados). A conmutación entre as distintas tarxetas SIM pode facerse cun simple toque ou programando o horario de uso de cada unha (o que resulta moi práctico para gozar de dúas tarifas diferentes ou para combinar liña persoal e profesional nun único dispositivo).
Aparte de venderse con carcasa de cor branca ou negra, o Sony Xperia C tamén estará dispoñible nunha menos habitual cor púrpura.

PUBLICIDADE