Sony chama a revisión a 25.905 equipos VAIO Fit 11A

venres, 11 de abril do 2014 Marcus Fernández

Os equipos VAIO Fit de Sony resultan moi versátiles por poder colocarse en posturas que facilitan o seu uso como ordenador portátil, tablet ou pantalla, pero desafortunadamente non están a destacar por iso, senón polo feito de que Sony vén de chamar a revisión a preto de 26.000 destes equipos por mor dun defecto de fabricación das súas baterías (de Panasonic) que poderían provocar o sobrequecemento do equipo e mesmo o seu incendio, o que pode lembrar ao acontecido en 2010, cando Sony tivo que chamar a revisión a máis de medio millón de portátiles polo mesmo motivo (aínda que agora cunha dimensión inferior da incidencia).
Ao parecer, Sony detectou 3 casos de accidentes con equipos VAIO Fit 11A que provocaron queimaduras en Xapón, Hong Kong e China, e grazas a que o equipo deixou de venderse a primeiros de mes, o fallo parece quedar contido nunhas 25.905 unidades vendidas en total, das que unhas sete mil corresponderían ao mercado europeo.
Dende Panasonic aseguran ter subministrado as baterías a Sony, aínda que aseguran que polo momento non detectaron problemas coas súas baterías en clientes distintos de Sony.
Os Sony VAIO Fit 11A europeos que poden estar afectados por este problema serían os que responden ás seguintes referencias: SVF11N16CTB, SVF11N1L2RP, SVF11N1A4E, SVF11N1L2RS, SVF11N1C5E, SVF11N1M2ES, SVF11N1L2EB, SVF11N1S2EB, SVF11N1L2EP, SVF11N1S2ES, SVF11N1L2ES e SVF11N1S2RS.

PUBLICIDADE