Sony combina gravación en 4K e alta sensibilidade na súa nova cámara α 7S

luns, 7 de abril do 2014 Marcus Fernández

Las Vegas está a acoller estes días unha nova edición da feira NAB Show, na que pode verse moita da tecnoloxía que posibilitará o audiovisual do futuro, e na que Sony está a amosar as súas solucións para a produción de vídeo en 4K, entre as que destaca unha cámara fotográfica, a Sony α 7S, que chega cun sensor Exmor CMOS de 12,2 Mpíxeles apoiado por un procesador de imaxe BIONZ X que presume de acadar unha sensibilidade de ata 409.600 ISO, de xeito que sería un dos poucos dispositivos capaces de gravar vídeo en ultra alta definición en condicións moi próximas á escuridade.
Estamos ante unha cámara dixital full-frame con obxectivos intercambiables capaz de gravar internamente vídeo Full HD ata a 60p e, de conectarlle un gravador externo compatible, pode incluso empregarse para gravar vídeo en 4K a 30 cadros por segundo en progresivo, converténdose nunha das cámaras micro catro terzos con máis posibilidades do mercado. Esta nova cámara sería a primeira da súa serie en incorporar gravación Full HD en formato XAVC S a 50 Mbps, permitindo así unha calidade extrema e moi pouco ruído, superando amplamente a outros formatos de gravación empregados con anterioridade por Sony nunha cámara α. Está cámara tamén é capaz de gravar vídeo en alta definición ata 120 imaxes por segundo, o que permitiría crear fermosas secuencias en cámara lenta.
Entre o resto de prestacións desta cámara de tamaño moi axustado temos que conta cun visor XGA OLED de alto contraste, pantalla TFT de 3 polgadas, conectividade Wi-Fi e NFC, numerosos modos de disparo fotográfico (incluíndo distintos filtros creativos), saída HDMI de ata 4K, entrada de micrófono, unhas medidas de 126,9 x 94,4 x 48,2 milímetros e un peso de 489 gramos (con batería e tarxeta de memoria).
Polo momento non se coñece nin o prezo nin a data de lanzamento desta impresionante cámara dixital.


Vídeo de presentación da Sony α 7S

PUBLICIDADE