Sony comezará a comercializar os seus ultraportátiles en febreiro

xoves, 8 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Hai un par de semanas adiantamos que Sony estaba a preparar os seus propios ultraportátiles, e finalmente o fabricante xaponés amosou as súas cartas, e iniciará os seus VAIO Serie P cun equipo de 8 polgadas cunha resolución de 1.600 x 768 píxeles con retroiluminación LED, procesador Intel Atom a 1,33 GHz, 2 Gb de RAM, disco duro de 60 Gb, receptor GPS, webcam, Wi-Fi (compatible con IEEE 802.11n), Bluetooth, opción 3G, un peso de só 638 gramos e unha autonomía máxima de 4 ou 8 horas (segundo contemos cunha batería normal ou o modelo de alta capacidade).
Os Sony VAIO da Serie P chegarán a España en febreiro a un prezo que parte dos 999 euros e tamén existirán opcións de mellora do procesador (ata un Intel Atom a 1,66 GHz) e da súa unidade de disco (que se podería cambiar por unha unidade SSD de ata 128 Gb, reducindo o peso do equipo en 20 gramos).
Estes novos equipos poderían funcionar con Windows Vista ou cunha interface XrossMediaBar de arranque case instantáneo, cunha interface que lembra á PSP ou a certos televisores BRAVIA.
Aparte dunha alta portabilidade, Sony tamén coida a estética deste equipo e venderá en distintas cores vibrantes e brillantes, pechando un produto claramente diferenciado dos seus competidores en prezo, prestacións e filosofía de uso.

PUBLICIDADE