Sony incorpora a gravación de vídeo con enfoque automático ás súas cámaras réflex

mércores, 25 de agosto do 2010 Marcus Fernández

As cámaras réflex de Sony evolucionan incorporando a gravación de vídeo, de xeito que as Sony A55 e A33, grazas á incorporación da tecnoloxía de espello translúcido (que permite un enforque por detección de fase en vez de por contrate) incorpora a gravación de vídeo a 1.080i ata un máximo de 29 minutos seguido e con enfoque automático no modo de vídeo. Amais, estas novas posibilidades tamén axudan a evitar as molestas fotografías movidas.
Entre as diferenzas da A55 e a A33 está a súa velocidade de disparo, de xeito que a A55 é capaz de disparar 10 fotografías por segundo, mentres que a A33 confírmase con 7 disparos por segundo; aínda que os 16,2 Mpíxeles da Sony A55 tamén é 2 Mpíxeles superior á resolución do sensor da A33. Outra importante mellora da A55 fronte á súa irmá pequena é a integración de GPS para o xeoposicionamento das fotografías que tomemos.
Ambas cámaras contan cunha pantalla de 3 polgadas abatible en 270 graos e un visor electrónico cunha resolución de 1,1 Mpíxeles (que incluso podemos utilizar durante a gravación de vídeo).
Ao igual que a familia NEX, estas novas réflex de Sony tamén poden tomar imaxes panorámicas en 3D que poderemos ver en televisores compatibles conectando a cámara aos mesmos mediante HDMI.
A Sony A33 sairá en setembro a un prezo de 650 dólares, mentres que pola A55 haberá que agardar a outubro, e o seu prezo será de 750 dólares. Ambas estarán dispoñibles por 100 dólares máis cun obxectivo 18-55mm.

O sistema de espello translúcido facilita o enfoque de obxectos en movemento

PUBLICIDADE