Sony podería presentar esta semana unha cámara compacta con sensor full frame

luns, 10 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Unha páxina web canadense vén de publicar unha imaxe filtrada dunha nova cámara dixital de Sony que nos colle totalmente por sorpresa, pois a Sony RX1 sería unha compacta que contaría co mesmo sensor CMOS de formato completo da Sony A99 (24,3 Mpíxeles), ou sexa, que achegaría a calidade dunha réflex dixital a unha cámara moito máis pequena e manexable, aínda que inicialmente esta innovación estaría ao alcance de só uns poucos, pois espérase que teña un prezo de venda de 2.799 dólares (2.190 euros).
Esta nova cámara compacta de Sony vén cunha óptica fixa Carl Zeiss Sonnar de 35 mm e apertura f/2.0, e conta con flash e zapata para accesorios. Un produto que podería indicar o camiño a seguir por moitas cámaras nos vindeiros meses, e que podería ser especialmente atractiva de poder contar con obxectivos intercambiables en futuros modelos.

PUBLICIDADE