Sony presenta novas cámaras compactas con capacidade 3D

xoves, 8 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A aposta de Sony polas 3D que fai nos televisores e na PS3 chega agora ás cámaras dixitais, dun xeito un tanto distinto ao que estamos afeitos, de xeito que as novas Sony TX9 e WX5 presentan un modo de toma de fotografías 3D que logo poderán verse nun televisor compatible pese a que as cámaras non teñen dúas lentes, senón que o usuario deberá mover horizontalmente a cámara para que esta rexistre unha ráfaga de 15 imaxes do que queremos retratar para darlle logo volume, o que Sony chama Sweet Multi Angle.
Estas cámaras compactas contan cun sistema avanzado de redución de ruído mediante sensores Exmor R e tamén incorporan BackGround Defocus (solución de redución da profundidade de campo que busca un certo achegamento ás cámaras réflex).
No tocante á gravación de vídeo, as novas cámaras soportan Full HD e contan con estabilizador de imaxe SteadyShot. Ambas cámaras teñen 12,2 Mpíxeles, mentres que se diferencian principalmente na súa pantalla (a TX9 ten unha de 3,2 polgadas fronte ás 2,8 polgadas da WX5) e no zoom (4x a TX9 e 5x a WX5).
Agárdase que cheguen ao mercado a mediados de setembro, e polo momento coñécense os seus prezos no Xapón, que serán de 35.000 iens (312,90 euros) para a Sony WX5 e 45.000 iens (402,30 euros) para a Sony TX9.

PUBLICIDADE