Sony presenta un sensor de cámara para móbiles de 48 Mpíxeles

luns, 23 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Sony desvelou hoxe o seu novo sensor CMOS IMX586 para cámaras de smartphone, que sorprende cunha resolución de 48 Mpíxeles, de xeito que sería o primeiro sensor en conseguir píxeles ultracompactos de só 0,8 micrómetros nunha unidade de só 8 milímetros de diagonal, que contribuirá a mellorar substancialmente as imaxes captadas polas cámaras dos smartphones.
As primeiras unidades de mostra deste sensor comezarán a remitirse aos fabricantes en setembro a un prezo de 3.000 iens (23 euros) cada unha, e permitiría que os smartphones compitan en resolución con cámaras réflex. O sensor tamén permite empregar filtros para sumar píxeles adxacentes durante disparos con pouca luz, de xeito que recollerá a información para cada punto dunha cuadrícula de 2x2, conseguindo así imaxes de 12 Mpíxeles con pouco ruído.
O novo sensor tamén cuadriplica o rango dinámico con respecto a outros sensores análogos, conseguindo así que se perdan menos detalles nas imaxes. Tamén mellor ao entregar a saída do sensor en tempo real, de xeito que na pantalla do móbil poderemos ver convenientemente as imaxes pese a mesturar áreas con distintas iluminacións.
O sensor IMX586 serve así para disparar fotografías de 8.000 x 6.000 píxeles (até 30 disparos por segundo) e tamén para gravar vídeo 4K a até 90 imaxes por segundo (ou Full HD até 240 imaxes por segundo e 720p a até 480 imaxes por segundo).

Comparación dun sensor de cámara de móbil de 12 Mpíxeles co novo IMX586 de 48 Mpíxeles

PUBLICIDADE