Sony presenta unha cámara compacta orientada á gravación de vídeo

martes, 26 de maio do 2020 Marcus Fernández

Sony anunciou hoxe a agardada cámara ZV-1 para videoblogs, ou sexa, unha versión das célebres cámaras compactas de Sony optimizada especialmente para a gravación de vídeo. Esta cámara conta cun sensor de imaxe Exmor RS CMOS de 1 polgada e un obxectivo 27.70 mm f/1.8 ZEISS Vario-Sonnar T, que grazas á súa grande apertura consegue bos efectos de desenfoque de fondo.
A cámara cun sensor de 20,1 Mpíxeles é capaz de bloquear o enfoque e seguir aos suxeitos con moita precisión e velocidade; inclúe un procesador de imaxe de última xeración BIONZ X con LSI frontal para ofrecer unha alta resolución e baixo ruído; a súa pantalla táctil LCD é de ángulo variable e apertura lateral, para facilitar o seu uso en modo selfie; e incluso pode gravar vídeo en 4K con estabilización de imaxe interna.
A Sony ZV-1 inclúe moita tecnoloxía desenvolvida para as cámaras da serie α e RX, de xeito que conta cun sistema de enfoque automático avanzado, que permite seguir obxectos con precisión, para o que pode aplicar tecnoloxías como Real-time Eye AF e Real-time Tracking. Tamén conta cun modo de exposición automático que prioriza a cara do suxeito e axusta a exposición para garantir que os cambios extremos na iluminación non estragen as gravación.
Para unha maior flexibilidade, a Sony ZV-1 conta cunha entrada minijack de 35 milímetros e unha zapata MI (que facilita a conexión de micrófonos externos).
Esta cámara compacta mide 105,5 x 60 x 43,5 milímetros, pesa 294 gramos e para facilitar o seu uso conta tamén cunha empuñadura. Na gravación de vídeo emprega estabilización óptica que en 4K melloraría a estabilización até 8 veces fronte a tecnoloxía SteadyShot estándar ou até 11 veces no caso da gravación de vídeo en HD (mesturando estabilización óptica e electrónica). As gravacións en 4K poden realizarse a grande calidade grazas ao códec XAVC S; tamén pode disparar fotografías a intervalos para facer time-lapses; e incluso conta con cámara superlenta de até 1.000 imaxes por segundo. Tamén resulta rechamante que conte coa posibilidade de etiquetar automaticamente os vídeos gravados en vertical, para facilitar a creación de contidos adaptados a móbiles.
Estamos ante unha cámara realmente completa e compacta, que resulta ideal para creadores de vídeo, e que teremos nas tendas europeas a partir de xullo a un prezo aproximado de 800 euros.

A empuñadura para a Sony ZV-1 tamén pode facer de trípode para facilitar as gravacións en certas situacións.

Vídeo de presentación da cámara Sony ZV-1

PUBLICIDADE