Sony presenta unha cámara con obxectivos intercambiables para gravar vídeo

martes, 27 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O ano pasado Sony presentou a cámara ZV-1, orientada á gravación de vídeo e buscando facerse co favor dos creadores de contidos para Internet, e como xeito de dar un paso adiante, en vez de evolucionar ese modelo de cámara con máis prestacións optaron por dar un paso a un lado e aplicar o mesmo concepto nunha cámara con obxectivo intercambiable, a Sony ZV-E10.
Estamos unha vez máis ante unha cámara compacta con pantalla abatible de 3 polgadas para facilitar a autogravación (para o que tamén conta cun soporte que serve tanto de agarre como de trípode), que co seu sensor APS-C consegue unhas imaxes moito máis luminosas e nítidas que as que pode ofrecer a cámara dun smartphone (que tería un sensor 10 veces máis cativo), e grava vídeos até 4K destacando especialmente no apartado sonoro ao incluír un micrófono direccional interno de 3 cápsulas optimizado para captar son na parte frontal da cámara (podendo empregarse incluso en exteriores con vento e contando tamén con compatibilidade con numerosos micrófonos de Sony). Aparte de fotografía e vídeo tamén pode aproveitarse a ZV-E10 a xeito de webcam para realizar restransmisións de vídeo en directo (para o que chega con conectar a cámara por USB-C a un PC ou a un smartphone Sony Xperia).
Esta cámara cun sensor CMOS Exmor APSC de 24,2 Mpíxeles ten como punto forte a compatibilidade con máis de 60 obxectivos, podéndose adquirir a cámara solta (por 699 dólares) ou cun obxectivo 16-50 mm (por 799 dólares). A súa batería permítelle unha autonomía para gravar até 125 minutos de vídeo ou disparar até 440 fotografías, podendo tamén alimentarse mediante USB-C ou cun adaptador de corrente (o que resulta ideal para retransmisións en directo).
Estamos ante unha alternativa moi interesante para os que non estean conformes co feito de que a Sony ZV-1 teña un obxectivo fixo de 27,77 mm, que aínda que resulta bastante axeitado para a gravación de videoblogs, non respondería axeitadamente en moitos escenarios por non poder encadrar a escena completa ou por non poder gravar a certa distancia coa calidade que ofrecen os teleobxectivos.

Vídeo de presentación da Sony ZV-E10

PUBLICIDADE