Sony presenta unha nova cámara para creadores de vídeo

venres, 14 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Sony está a ter grande éxito coa súa gama de cámaras orientadas aos creadores de vídeo, a serie ZV, que hai un par de anos sorprendía coa Sony ZV-1, cámara compacta que recibe agora unha revisión un tanto peculiar, xa que substitúe a súa focal variable entre 9,4 e 25,7 milímetros (o que equivale a un zoom óptico de 2,7x) por unha focal fixa de 20 milímetros cunha apertura f/2.0, que consideran que é unha magnífica opción para as gravacións tipo selfie.
A Sony ZV-1F é unha cámara claramente deseñada cos creadores de vídeo para a Internet en mente, para o que incluso simplificaron os procesos de gravación de vídeo en vertical para axilizar a publicación dos vídeos e incluso resultar atractiva para a gravación de vídeos para plataformas como TikTok.
A nova cámara de Sony consegue unha boa reprodución dos tons de pel atractiva, recoñece caras e ollos humanos para facilitar un enfoque automático preciso, permite activar ou desactivar o desenfoque de fondo con só premer un botón, integra diferentes estilos creativos para que poidamos elixir entre diferentes preaxustes de cor nas nosas gravacións, grava en cámara lenta e rápida dun xeito doado, conta coa opción de estabilizar a captura de vídeo, está optimizada para enfocar os produtos que coloquemos no centro da imaxe (axudando así a que poidamos gravar reseñas de produtos dun xeito automático), integra un micrófono direccional de 3 cápsulas que recolle o son frontal con grande nitidez incluso con vento (para o que inclúe un paraventos), pode conectarse sen fíos co móbil (tanto para transferir contidos como para converter o móbil nun mando a distancia), pode usarse como cámara web con conectar a cámara a un ordenador persoal e conta con accesorios como un mando de gravación e un pequeno micrófono externo que permiten levar a gravación de vídeos un paso máis aló.
Ao estarmos ante unha versión con focal fixa, pasamos de ter que pagar 800 euros pola ZV-1 a que a Sony ZV-1F teña un prezo oficial de venda ao público de 650 euros, co que buscan abrirse a un público máis amplo. Para usuarios máis esixentes segue a estar dispoñible a Sony ZV-E10, que destacaría por contar con obxectivos intercambiables, cun prezo de 750 euros o corpo ou 850 euros cun obxectivo de 16-50 milímetros, polo que sería unha solución máis completa (non só por permitir cambiar de obxectivo, senón porque tamén permite disparar fotografías en RAW), pero que podería afastarse do orzamento do tipo de creadores de contido aos que apuntan esta serie de cámaras.

Vídeo de presentación da cámara Sony ZV-1F

PUBLICIDADE