Sony presenta unha videocámara con obxectivos intercambiables

mércores, 14 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Hai un par de meses comentamos que Sony estaba a preparar videocámaras con obxectivos intercambiables, e finalmente presentan o seu primeiro modelo oficial, a Sony NEX-VG10, que estará dispoñible en setembro, aínda que dende hoxe xa pode reservarse nos EE.UU. por un prezo de 1.999,99 dólares.
A cámara sería a primeira deste tipo en saír á venda para un público masivo, así como tamén estariamos ante a primeira Handycam (marca que vén de cumprir 25 anos) en incorproar un sensor CMOS Exmor APS HD, facilitando a videoafeccionados e fotógrafos a captura de vídeos en alta definición con son estéreo dun xeito inédito ata o momento. A cámara tamén toma instantáneas a 14,2 Mpíxeles.
Os obxectivos que emprega esta cámara serían os mesmos que os das cámaras NEX-5 e NEX-3, que forman parte dunha liña de cámaras compactas que queren imitar ás réflex cos seus obxectivos, pero mantendo un tamaño moi reducido.
Os vídeos gravados pola Sony NEX-VG10 poden rexistrarse cunha definición de 1.920 x 1.080 píxeles a unha compresión de ata 24 Mbps, polo que acada unha claridade e un detalle ideais para almacenar posteriormente en discos Blu-ray. Para procesar estas gravacións a cámara inclúe un bono para descargar a aplicación de edición de vídeo Sony Vegas Movie Studio HD Platinum 10 (valorada en 99 dólares) que facilita a mestura dos vídeos e a produción dos mesmos para a súa publicación na web ou en discos DVD ou Blu-ray.

O reducido tamaño desta Handycam e as súas ópticas intercambiables dánlle moita versatilidade á Sony NEX-VG10

PUBLICIDADE