Sony renova o seu lector de libros electrónicos

martes, 11 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Os lectores de libros baseados en papel electrónico parecían estancados, pero agora parece que vai chegar a renovación do Sony Reader, de xeito que se filtrou á Internet a imaxe do novo modelo, o PRS-505, que presenta unha pantalla de 6 polgadas e 4 tons de tinta.
O lector conta cunha batería interna que lle permite amosar 7.500 páxinas cunha única carga (a tecnoloxía de papel electrónico só consume cando se actualiza o contido da pantalla), e na súa memoria interna pode almacenar ata uns 160 libros, podendo ampliarse tal capacidade mediante tarxetas SD e Memory Stick Duo.
Aínda que o seu uso principal sexa a lectura de libros (incluso en formato PDF ou Word), tamén permite a reprodución de ficheiros sonoros en MP3 e AAC. Pódese conectar por USB 1.1-2.0 a un ordenador, tanto para sincronizar os seus contidos como para cargar a súa batería, e na web de Abt Electronics permitiron durante varias horas reservar unidades a 299 dólares, polo que mantería o prezo do modelo anterior amosando un novo deseño da súa aparencia.

PUBLICIDADE