Spider-Man: Edge of Time estrea trailer

luns, 4 de abril do 2011 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da WonderCon 2011 a pasada fin de semana en San Francisco, Activision presentou un vídeo de adianto do xogo que no outono chegará ás nosas consolas de videoxogos, Spider-Man: Edge of Time, que parece manter a excelente liña de Spider-Man: Dimensions, confirmando o bo facer por parte de Beenox no desenvolvemento dos xogos desta franquía que parecía estar maldita (por predominar os títulos de baixa calidade na mesma).
No novo xogo Mike O’Hara (o protagonista de Spider-Man 2099) deberá resolver unha serie de problemas desencadeados pola prematura morte de Peter Parker (Amazing Spider-Man) para o que ambas encarnacións do Home Araña viaxarán no tempo.
Aparte do primeiro trailer de Spider-Man: Edge of Time, tamén publicaron unha serie de imaxes do xogo que dan a entender que o nivel gráfico do mesmo evolucionou dende a anterior entrega, achegando un maior realismo á aparencia do noso trepamuros, de xeito que non só a historia escrita por Peter David será un atractivo para gozar deste xogo, senón que o seu aspecto debería satisfacer sen problema aos seareiros da figura máis importante da Marvel.


Primeiro trailer de Spider-Man: Edge of Time

O novo xogo de Beenox presenta un acabado gráfico notable
O protagonista de Spider-Man 2099 deberá corrixir a súa liña temporal salvando a vida de Peter Parker

PUBLICIDADE