Spider-Man: El Reino de las Sombras ponse á venda en España

venres, 24 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Spider-Man: El Reino de las Sombras sae para todas as plataformas de xogo actuais

As tendas españolas de videoxogos reciben hoxe para Xbox 360, PS3, PS2, PSP, PC, Nintendo DS e Wii o xogo Spider-Man: El Reino de las Sombras, no que temos que manexar ao lanzarredes máis popular de New York para defender a cidade dunha invasión de simbiontes alieníxenas, convertendo as rúas nunha zona de guerra na que non faltan outros heroes (coma Lobezno, a Gata Negra ou Power Man) e viláns (o Green Goblin, Veneno, o Voitre…).

Spider-Man enfrontándose ao Voitre no novo xogo de Activision

O xogo ofrece un sistema de combate único no universo de Spider-Man (que acumula unha chea de videoxogos decepcionantes, especialmente nas súas adaptacións cinematográficas) chegando a combinar acción frenética con efectos visuais espectaculares á vez que se desenvolve un interesante argumento no que se dá liberdade de acción ao xogador, que pode tender ao ben ou ao mal.
Spider-Man pode aparecer tanto co seu tradicional traxe vermello e azul coma co seu traxe negro, e deberá superar distintos retos distribuídos pola cidade, que estará envolta en todo un panorama de destrución.
Como exemplo da boa acollida que parece estar a ter este xogo podemos comentar que nalgunhas cadeas de venda de videoxogos xa se atopa esgotada algunhas das versións do mesmo por mor das masivas reservas realizadas por xogadores ansiosos con enfundarse no traxe do trepamuros máis popular do mundo do cómic.

PUBLICIDADE