Spider-Man para PC contará con numerosas melloras gráficas

mércores, 20 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Insomniac Games vén de revelar detalles de Marvel’s Spider-Man Remasterizado para PC, que xa pode reservarse a través de Steam e da tenda dixital de Epic Games, e para o que contaron coa apoio de Nixxes Software, estudio que conseguiu que este xogo que verá a luz o 12 de agosto presente unha serie de melloras que nin sequera están presentes na versión para PlayStation 5 do xogo.
Confirman que a versión para PC contará con trazado de raios se temos hardware coa potencia suficiente; mellora o rendemento gráfico coa tecnoloxía nVIDIA DLSS se temos unha gráfica nVIDIA GeForce RTX, que tamén permite gozar do suavizado baseado en intelixencia artificial coa tecnoloxía nVIDIA DLAA; incorpora moitos niveis de renderización e, como detalle máis salientable, o xogo pode correr en monitores ultrapanorámicos (21:9), monitores 32:9 e en sistemas de múltiples pantallas de nVIDIA Surround (ou sexa, que até será posible gozar do xogo en 3 monitores).
Marvel’s Spider-Man Remasterizado tamén inclúe moitas opcións periféricas e de personalización (podendo incluso funcionar co mando DualSense de PlayStation). No que respecta aos seus requisitos mínimos, temos que é un xogo alcanzable nas súas configuracións máis modestas, pero moi esixente nas súas configuracións avanzadas (pois superar a resolución Full HD require equipos e gráficas de última xeración).

O xogo para PC poderá funcionar en monitores ultrapanorámicos
Os requisitos mínimos do xogo son bastante esixentes nos modos que superan a resolución Full HD

PUBLICIDADE