Spore: novas posibilidades de mangoneo virtual da man do creador de The Sims

mércores, 3 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

É probable que unha das claves do éxito dunha manchea de videoxogos estea en achegarnos un tipo de control sobre realidades virtuais que, en certa medida, constituiría o máis semellante que existe ao poder absoluto. No fondo, que lle imos facer, gústanos mangonear, e iso ten moito que ver no éxito de produtos para consolas como The Sims, onde o xogador é dono de moitas cousas das que hai na pantalla. Precisamente en coller ese espírito e ir un paso máis alá e no que semella que consiste Spore, a nova proposta de Will Wright (creador de The Sims), un videoxogo que nos pon ao alcance da man a meirande marxe de manobra posible sobre o que creamos e controlamos.
Tanto é así que mesmo estamos en disposición de actuar sobre todos os pasos evolutivos dos personaxes e sobre os procesos da evolución mesma, partindo da fase na que as esporas se converten en células e logo, tralo seu paso polo medio acuático, van dando lugar a seres vivos cada vez máis complexos até rematar na consecución de culturas e mesmo de viaxes espaciais.
O xogo, que se nos deixamos levar por el pode ser tan aditivo como calquera proceso creativo (volvemos ao mesmo de antes: o poder engancha), permite entre outras moitas cousas compartir experiencias e resultados cos de outros xogadores (malia ser un xogo para un único usuario), ampliándose a cifra de mundos creados para investigar. Deste xeito, tamén é posible coller emprestados seres alleos para os mundos propios. E así sucesivamente. O xogo, que ven de ser presentado en España polo mesmo Wright, inclúe asemade a opción de reconstruír a nosa propia historia evolutiva. Para quen estea interesado en introducirse nos segredos de converterse nun deus, dicirlle que o xogo xa se pode descargar dende a web de Electronic Arts por 56,95 euros.

PUBLICIDADE