Stadia podería mudar de rumbo tras a súa mala acollida

venres, 4 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

A aposta polo xogo na nube de Google, Stadia, é moi sólida tecnoloxicamente, pero continúa a ser moi feble en catálogo de xogos e en volume de usuarios, en grande medida porque tanto xogadores como estudios desconfían do compromiso de Google pola plataforma, en vista da cantidade de proxectos que pechou nos últimos anos e, segundo o que publica Business Insider, os receos estarían máis que xustificados, e aseguran que Stadia xa non é unha prioridade para Google, de xeito que estaría explorando a posibilidade de comercializar a súa tecnoloxía a terceiros como Google Stream.
Ao parecer, Google estaría a reducir a negociación da incorporación de xogos de terceiros a Stadia, e estaría a conversar con Peloton para a integración de xogos nas súas bicicletas estáticas. Tamén se comenta a posibilidade de que Bungie, o estudio responsable de Destiny 2 que está a ser adquirido por Sony, lance a súa plataforma de xogo en streaming empregando a tecnoloxía de Google (aínda que parece pouco probable se temos en conta que Sony ten un acordo con Microsoft para o xogo na nube).
O que si parece ser un feito é que xa hai compañías ofrecendo xogos na nube coa tecnoloxía de Google, como serían AT&T (que permite aos seus clientes gozar de Batman: Arkham Knight directamente dende o navegador web) e Capcom (que aproveitaría a tecnoloxía de Google para ofrecer demostracións de xogos da franquía Resident Evil).
Dende Business Insider comentan que Phil Harrison, xefe de produto de Stadia, comezou anunciando Stadia como «o futuro dos xogos» e agora dirixe os seus esforzos en salvar a súa división de Google, situación que moitos xa vían chegar hai un ano, cando se anunciou o peche do estudio de videoxogos para Stadia encabezado por Jade Raymond.
Polo momento non hai confirmación sobre a información publicada, e dende a conta de Twitter de Stadia aseguran que o seu equipo continúa a «traballar duro nun grande futuro para Stadia e o xogo na nube», no que semella unha táctica para evitar a fuxida de usuarios e estudios ou, simplemente, que a futura Google Stream non perda valor antes da súa potencial presentación oficial.

PUBLICIDADE