Star Trek Online rende tributo a Leonard Nimoy

luns, 9 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Tras o pasamento do actor Leonard Nimoy, os seareiros de Star Trek uníronse no seu pesar polo adeus do actor que deu vida a Spock na célebre serie televisiva orixinal e en varias das películas posteriores, e como reflexo deste sentir no xogo Star Trek Online decidiron render homenaxe a esta figura a través de estatuas conmemorativas.
Baseándose nos comentarios recibidos polos usuarios de Star Trek Online os responsables do xogo decidiron substituír a estrutura central da fonte do planeta Vulcano por unha estatua de pedra de Spock facendo o seu célebre saúdo vulcaniano e na que pode lerse a inscrición “longa vida e prosperidade”.
Tamén decidiron colocar outra estatua semellante en Novo Rómulo, xa que a República Romulana foi posible en boa medida grazas ás ensinanzas de Spock. Neste caso a inscrición que acompaña a estatua di “a necesidade de moitos supera a necesidade de poucos”, que é un dos lemas do personaxe nos momentos que esixían un sacrificio persoal.
O nome de Leonard Nimoy tamén se incorporará ás localizacións nas que se conmemora ás persoas da familia de Star Trek que van abandonándonos, como Gene Roddenberry (creador da franquía), DeForest Kelly (quen encarnaba ao doutor McCoy), James Doohan (Scotty) ou Majel Barreyt (a enfermeira Chapel).

En Star Trek Online lembran aos membros da familia de Star Trek que xa non están connosco

PUBLICIDADE