Star Wars Episode I: Racer terá versión para PS4 e Switch

venres, 17 de abril do 2020 Marcus Fernández

O clásico xogo Star Wars Episode I: Racer, que en 1999 veu a luz para ordenadores persoais e consolas como a Nintendo 64 e a Dreamcast, contará a partir do 12 de maio cunha versión definitiva para PlayStation 4 e para Nintendo Switch, recuperando así este curioso xogo de carreiras no que temos que pilotar unha das vaíñas do Episodio I da saga galáctica de George Lucas.
Este xogo podería definirse como de carreiras de karts intergalácticos, e como levaba moito tempo afastado de consolas actuais, dende Aspyr decidiron que para a súa recuperación era necesario introducirlle melloras, como incrementar a resolución das secuencias cinemáticas do xogo (exportadas agora até en 4K), adaptar os controis para que resulten cómodos nas consolas actuais (axustándose ao deseño do mando DualShock da PS4 e dos Joy-Cons da Switch) e incluso integrar características como o trofeos.
Aínda que o feito de que este título chegue a PS4 pode resultar bastante natural, a versión para Switch é especialmente significativa, xa que este título tivo como primeira consola a Nintendo 64, de xeito que relanzarse noutra consolas de Nintendo é pechar o círculo.

O lanzamento do xogo en Switch supón pechar un círculo iniciado pola versión de Nintendo 64 en 1999

PUBLICIDADE