StarCraft II estrea trailer

xoves, 22 de xullo do 2010 Marcus Fernández

A semana que vén chega ás tendas o xogo para PC StarCraft II, que é a continuación da saga épica creada por Blizzard que enfronta aos Protoss, os Terran e os Zerg nunha mecánica de estratexia en tempo real nun contorno futurista, e para preparar o terreo veñen de estrear un trailer épico nunha liña moi cinematográfica que promete espectáculo e acción e permite que nos fagamos unha idea do que achegará este título que contou cun orzamento de máis de 100 millóns de dólares (aínda que entendemos que tal investimento comprende as tres entregas anuais que comporán este novo arco argumental) o que non é habitual para un xogo que non estará dispoñible en consolas de videoxogos (onde as superproducións son máis habituais).
StarCraft II conta cun novo motor gráfico 3D, novas unidades e mecánicas de xogo, unha campaña individual solvente, un modo multi-xogador con moitas novidades e, en definitiva, unha mellora de todo o que puidemos ver en StarCraft: Brood War, adaptándose ás posibilidades dos equipos actuais, aínda que o xogo non será moi esixente en canto a hardware (polo que a súa base de usuarios potenciais será moi elevada).


O novo trailer de StarCraft II

PUBLICIDADE