StarCraft II será free-to-play a partires do 14 de novembro

venres, 3 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Blizzard Entertainment sorprendeu hoxe anunciando que un dos seus grandes xogos de estratexia en tempo real, StarCraft II, pasará a ser free-to-play o 14 de novembro, de xeito que os xogadores poderán acceder de balde á campaña de Wings of Liberty e á competición multi-xogador.
A partires do día 14 de novembro poderemos acceder de balde á campaña Wings of Liberty, e os que xa a tiñan poderán recibir de balde a seguinte campaña, Heart of the Swarm (centrada nos zerg) para o que deberán iniciar sesión entre o 8 de novembro e o 8 de decembro.
A versión free-to-play de StarCraft II permitirá acceder á xerarquía clasificatoria do modo multi-xogador incluíndo todas as unidades multi-xogador das distintas entregas, sendo preciso gañar as 10 primeiras vitorias do día en partidas non clasificatorias ou no modo Versus IA para poder desbloquear este acceso de xeito permanente, buscando así manter a calidade e a integridade da experiencia multi-xogador.
Será posible xogar cos comandantes cooperativos actuais e futuros de balde até o nivel 5, sendo tamén de balde permanentemente os comandantes cooperativos Raynor, Kerrigan e Artanis.
Para que remate Wings of Liberty e queira continuar o resto da saga, poderá facerse coas campañas Heart of the Swarm, Legacy of the Void e Nova: Operación Sigilo a 14,99 euros cada unha, ou a 39,99 euros as tres xuntas. Quen xa mercase algún destes contidos antes do 31 de outubro recibirá un deseño de pantasma exclusivo e 3 retratos novos a xeito de agradecemento.

Vídeo no que debullan a versión free-to-play de StarCraft II

PUBLICIDADE