Stardew Valley chegará en breve a Android

luns, 18 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O xogo independente Stardew Valley leva colleitando éxitos dende o seu lanzamento para PC hai un par de anos, e tras adaptarse tamén a consolas de videoxogos, chegou a iOS o pasado mes de outubro a un prezo de 8,99 euros, de xeito que os usuarios de iPhone e iPad poden gozar deste curioso xogo de rol de agricultura que aseguraban que chegaría en breve a Android, lanzamento que semella inminente, xa que na tenda de aplicacións de Google Play xa podemos inscribirnos para recibir unha notificación cando chegue oficialmente o xogo.
Este título convídanos a mudarnos ao campo, converter os campos desleixados nunha granxa alegre e abundante, criar animais, personalizar ao granxeiro e a súa casa, contraer matrimonio para formar unha familia, participar en festivas de tempada, explorar covas, buscar cultivos ou incluso pasar unha tarde de pesca; ou sexa, que temos un xogo cunha cantidade inmensa de contidos que dificilmente aburrirá aos amantes deste xénero, e que chega con textos localizados completamente ao español (e ao portugués).

Vídeo promocional da versión móbil de Stardew Valley

PUBLICIDADE