Street Fighter V completa o seu cadro de loitadores

luns, 7 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Na celebración da PlayStation Experience 2015 non podía faltar información sobre o inminente Street Fighter V, e finalmente Capcom non decepcionou, achegando detalles moi interesantes como a presentación de F.A.N.G., un novo loitador que completa o cadro de 16 loitadores que terá o agardado xogo, e que será un asasino da organización Shadaloo que empregará técnicas pouco ortodoxas enfocadas a ataques velenosos, ou sexa, que os seus ataques especiais deixarán ao opoñente envelenado, polo que será todo un reto combater contra el.
Capcom tamén desvelou o cadro completo dos personaxes adicionais que chegarán en 2016, que serán Alex, Ibuki, Balrog, Juri e Urien, que poderán desbloquearse xogando ou pagando. A partires de agora tamén poderase adquirir de xeito anticipado a Street Fighter V Deluxe Edition, unha versión do xogo que inclúe o pase de tempada de 2016 con 6 personaxes adicionais mencionados, un traxe premium para cada un e un tema exclusivo para PS4. Esta nova edición do xogo pode mercarse temporalmente a 89,99 euros, aínda que máis adiante subirá o seu prezo a 99,99 euros.
Lembremos que o xogo chegará ao mercado o 18 de febreiro de 2016 en versións para PS4 e PC, e que o pase de tempada para 2016 tamén poderá adquirirse de xeito independente (por 29,99 euros), mentres que os contidos dentro do xogo poderán mercarse coa moeda virtual Zenny, que pode gañarse loitando ou mercarse en cantidades de 100, 550, 1.200 e 4.000 por 0,99, 4,99, 9,9 e 29,99 euros respectivamente.

Vídeo de presentación de F.A.N.G.

Vídeo no que podemos ver o cadro cos 16 loitadores iniciais de Street Fighter V

PUBLICIDADE