Sunset Overdrive destaca entre os xogos con Gold do mes de abril

luns, 28 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses os xogos que recibiron sen cargo adicional os subscritores para xogar en liña coas consolas de Microsoft e Sony foron bastante discretos, pero a situación parece que vai mudar en abril, xa que Microsoft afiou as armas e anunciou que os seu xogos con Gold van ser todos títulos de primeira liña.
Durante todo o mes de abril os usuarios Gold de Xbox One poderán descargar de balde a aventura gráfica The Wolf Among Us, magnífica adaptación da banda deseñada de Bill Willingham Fábulas, que chega da man de Telltale Games, estudio célebre pola súa adaptación de Los Muertos Vivientes (The Walking Dead).
Pero este xogo que aínda mantiña un prezo de 24,99 euros (pese a terse lanzado a finais de 2014) non será o prato forte do mes, honra que recae en Sunset Overdrive, un dos grandes xogos que serviu de reclamo para a compra da Xbox One, que está valorado en 49,99 euros e combina acción e disparos en terceira persoa dun xeito refrescante (que algúns describen como a mestura de Tony Hawk’s Pro Skater e un shooter en terceira persoa). Por este xogo haberá que agardar até o 16 de abril.
Para Xbox 360 (e tamén xogables en Xbox One) chegará durante a primeira metade de abril o xa clásico Dead Space, primeira entrega dun survival horror espacial que creou escola e converteuse en toda unha franquía de éxito na anterior xeración de consolas de videoxogos. E para a segunda metade do mes teremos Saints Row IV, última entrega do sandbox máis tolo (con perdón de Goat Simulator) das consolas de videoxogos, que desta volta conta con até alieníxenas para complicar a vida de Los Saints.

Vídeo promocional dos Games with Gold do mes de abril

PUBLICIDADE