Super Hydorah será o segundo xogo de Locomalito levado a Xbox One

venres, 24 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses o desenvolvedor independente Juan Antonio Becerra (Locomalito) conseguiu grande relevancia xa que conseguiu que un dos seus xogos de balde publicado en 2012, Maldita Castilla, pasase a mans do estudio Abylight para converterse nun título comercial, Maldita Castilla EX, podéndose así xogar en consolas de videoxogos comerciais con contidos adicionais, e agora sorprenden anunciando que outro xogo de Locomalito, o shoot’em up titulado Hydorah, ultima o seu desembarco en Xbox One como Super Hydorah.
O xogo orixinal, que podemos descargar de balde para PC, era unha clara homenaxe a títulos como Gradius, Darius e R-Type, con influencias doutros clásicos, e dado que o seu xénero non é moi habitual actualmente agradecerase a chegada de Super Hydorah ás consolas de videoxogos modernas. A primeira plataforma na que teremos o novo xogo de Abylight será Xbox One, e aínda que a data de lanzamento exacta non se anunciou, será nesta mesma primavera, polo que quedan poucas semanas para poder gozar en consola deste título que permitiranos gozar de frenéticas partidas para un ou dous xogadores en local.
En Super Hydorah o xogador ponse aos mandos do caza Delta Lance para enfrontarse á ameaza dos Meroptians, unha raza de seres biomecánicos que atacou a estrela Omnios e puxo en perigo o equilibrio da galaxia. Aínda que esteamos ante un título de desprazamento horizontal, non faltarán segredos e rutas alternativas neste desafiante xogo só apto para os valentes afeitos aos elevados niveis de dificultade dos xogos dos salóns recreativos.

PUBLICIDADE