Super Mario Maker 2 protagoniza un novo Nintendo Direct

xoves, 16 de maio do 2019 Marcus Fernández

O último Nintendo Direct estivo dedicado a achegar información sobre o agardado Super Mario Maker 2 para Nintendo Switch, xogo que verá a luz o vindeiro 28 de xuño, e que incluirá novos elementos e contornos, un novo modo historia (no que axudar a Peach a reconstruír o seu castelo), a posibilidade de crear niveis en compañía, contará con modo multixogador local e en liña e que incluso contará cunha edición limitada que inclúe unha subscrición individual de 12 meses a Nintendo Switch Online.
Os usuarios que reserven o xogo poderán conseguir un lapis táctil de Nintendo Switch como bonificación (dispoñible en cantidades limitadas).
Este xogo vai máis aló dun Super Mario Bros. tradicional (incluíndo máis dun cento de niveis deseñados por Nintendo), xa que conta con editores de niveis para que poida gozarse tanto xogando a niveis sorprendentes como desatando a creatividade deseñando grandes retos que superar e compartir co resto do mundo.

Novos cupóns para xogos

Pero esta nova entrega de Nintendo Direct tivo unha sorpresa final: o lanzamento dos novos cupóns para xogos de Nintendo Switch. Unha oferta para subscritores de Nintendo Switch Online que poderán facerse con 2 cupóns de xogos descargables para Nintendo Switch por 99 euros que formen parte dunha selección de xogos entre os que non faltan os vindeiros grandes lanzamentos.
Por termo xeral isto supón un aforro 10,49 euros por xogo, aínda que se comparamos co formato físico, onde existen ofertas en distintos establecementos, podemos chegar a pagar de máis, aparte de quedar sen a oportunidade de poder vender o xogo de segunda man, de xeito que esta promoción sería recomendable principalmente para os incondicionais do formato descargable.

Vídeo do Nintendo Direct dedicado a Super Mario Maker 2

PUBLICIDADE