Super Mario Run prepara o seu lanzamento para Android

xoves, 29 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O desembarco de Nintendo nos xogos móbiles comezou con Super Mario Run para iOS, pero o xogo que comezou con moita forza, parece estar a perder pulo a grande velocidade, posiblemente polo feito de que para desbloquear os seus contidos hai que pagar 9,99 euros, prezo considerado moi elevado para un xogo móbil que pretende ter unhas vendas masivas, polo que parecen estar a acelerar os plans de lanzamento da versión de Android do xogo, que vén de aparecer en Google Play para que os usuarios interesados poidan rexistrarse para recibir unha notificación cando o xogo estea finalmente dispoñible para o seu smartphone ou tableta.
Cómpre salientar que o desenvolvemento do xogo para Android é máis complexo que para iOS, especialmente baixo as medidas de seguridade que quere garantir Nintendo, compañía afeita a lanzar xogos para plataformas propias, que quere un grande control para non sucumbir ante a piratería tan habitual no sistema operativo móbil promovido por Google.
Deste xeito, Super Mario Run para Android funcionará igual que a versión para iOS, precisando conexión á Rede en todo momento. Tamén contará con 6 mundos e 24 niveis deseñados para xogarse comodamente cunha soa man, á vez que tamén permitirá competir contra amigos e usuarios de todo o mundo nun modo Carreira, e aproveitar as moedas adquiridas nese modo para desbloquear obxectos para construír un mundo personalizado no modo O Meu Reino.
Queda agora esperar a este importante lanzamento para ver se Android pode mellorar os resultados dun xogo no que Nintendo ten moita confianza depositada, e que sería o que marque o rumbo da compañía nipoa no ámbito móbil (pois un mal resultado económico levaría directamente a reforzar a súa aposta polos xogos para Nintendo Switch en vez de sobreexplotar as súas franquías).

Vídeo no que podemos ver Super Mario Run en acción

PUBLICIDADE