Super Mario Run recibirá unha grande actualización o venres

luns, 25 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A estrea de Super Mario Run en iOS foi un lanzamento moi importante por estarmos ante o primeiro videoxogo de Nintendo para smartphones e tabletas e, aínda que inicialmente superou os 40 millóns de descargas en 4 días, o feito de que tivese un prezo de 9,99 euros foi un importante freo para conseguir manter o seu pulo, e nin sequera a estrea en Android o pasado mes de marzo foi capaz de compensar a situación, demostrándose que a política de prezos de Nintendo fora pouco realista, e dando a entender que a compañía nipoa ía mudar de estratexia no ámbito móbil, limitándose a lanzar xogos nos que o modelo free-to-play teña máis sentido.
Pero Nintendo non quere tirar a toalla aínda con Super Mario Run, e veñen de anunciar que o vindeiro día 29 publicarán unha importante actualización do xogo que engadirá un novo mundo (o Mundo Estrela), un novo modo (Remix 10, no que mesturan a chou elementos de 10 niveis) e incluso un novo personaxe xogable (Daisy), xunto con outras novidades, aínda que o máis relevante será que entre o 29 de setembro e o 12 de outubro o título estará dispoñible a metade de prezo, o que podería animar a moitos usuarios indecisos a darlle unha oportunidade a este xogo que afastou ao millóns de xogadores polo seu prezo elevado (cando menos, en plataformas móbiles onde impera actualmente o free-to-play).

PUBLICIDADE