SurfGZ.com: todo sobre o deporte das ondas e en galego

martes, 12 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Seareiros e non tan seareiros do deporte na praia sábeno ben: a nosa terra é terra de surf, e para comprobalo non hai máis que achegarse estes días á costa, que parece que os nosos surfeiros teñen tal fervello que non hai temperaturas mariñas (por baixas) que os arreden. O caso é que durante moitos anos, non sabemos moi ben o porqué, non había unha páxina web de abondo útil, de abondo integradora, que cinguise nun concepto único e natural os seguintes termos: surf e lingua galega. Para cubrir este baleiro xurdiu a web surfgz.com, da que nos informa polo miúdo o seu creador, Kiko Campos, en diarioliberdade.org.
A idea deste apaixonado do surf foi facer unha páxina web de referencia na nosa lingua, procurando non deixar ren por incluír no que a información e servizos se refire. Dito doutra maneira: o obxectivo non era facer unha desas páxinas que se visitan un día para non volver a ela nunca máis, senón algo que se empregue decote. De feito, ás entradas continuas de textos, vídeos e imaxes sobre o surf que se practica na nosa costa, cómpre engadir un completo abano de partes meteorolóxicos e marítimos, axenda de eventos e seccións sobre competicións en constante proceso de actualización.
Ou sexa, que a web é de obrigada visita para quen queira saber en que praia e en que xornadas se lle pode tirar ao noso mar o máximo partido, surfeiramente falando. Asemade, a páxina dá acubillo a todo tipo de información sobre o noso medio ambiente costeiro, facendo especial fincapé en ternos ao tanto dos espazos máis degradados e que requiren do noso compromiso en maior medida.
SurfGZ, que non é un proxecto novo pero que está a coller importantes folgos, conta xa con 2.500 seareiras e seareiros na rede social Facebook.

PUBLICIDADE