THE 64, unha versión moderna do Commodore 64 que busca financiamento

venres, 15 de abril do 2016 Marcus Fernández

Os proxectos de micromecenado para crear produtos inspirados no fenómeno da retroinformática non paran de chegar, e desta volta sorprenden en Indiegogo cunha campaña que quere facer realidade THE 64, unha reimaxinación do clásico Commodore 64 que resulta especialmente rechamante por chegar en dous formatos diferentes: un modelo que recrea o ordenador doméstico para poder gozar dos seus xogos no televisor, e unha consola portátil que facilitará a reprodución de xogos de Commodore 64 en mobilidade, procurando respectar sempre a estética da marca que tan popular foi nos anos 80.
Temos así un proxecto que, en vez de lanzar ambos produtos con bastantes meses de diferenza, optaron por propoñelos simultaneamente para que os interesados poidan elixir con máis liberdade a opción que máis se adapta ás súas necesidades actuais.
Esta especie de consolas retro chegarán con xogos pre-instalados de Commodore 64, aínda que tamén incluirán algún título inédito (moderno), aínda que polo momento non detallan a relación de títulos dispoñibles, xa que aínda faltan bastantes meses para a produción dos sistemas finais.
O modelo con formato de ordenador persoal custará un 133 euros + gastos de envío e pretende estar dispoñible no mes de decembro, sendo posible completar o equipo con mandos oficiais (que custarían 27 euros solto, aínda que tamén hai lotes a prezo reducido coa consola), mentres que a versión portátil, a THE 64 SX, pode encargarse por 151 euros + gastos de envío, pero non estaría dispoñible até o mes de abril de 2017. En ambos casos teríamos conectividade HDMI, de xeito que poderiamos empregar os sistemas de xogo retro en televisores modernos.

Vídeo promocional da campaña de micromecenado

PUBLICIDADE