Talentia Summit 2024 achega máis de 3.000 prazas gratuítas en cursos e certificacións oficiais
xoves, 31 de outubro do 2024
O maior evento de emprego de Galicia, o encontro compostelán Talentia Summit, celebrará a súa edición de 2024 do 12 ao 15 de novembro, cun programa cheo de novidades e facendo unha clara aposta pola formación. A feira, organizada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de Santiago, ten como obxectivo “proporcionar ferramentas, contactos e formación para que as persoas participantes poidan desenvolver todo o seu potencial profesional”.
A feira renova a súa decidida aposta pola formación, cunha oferta de máis de 3.000 prazas en cursos online e certificacións oficiais en competencias dixitais e idiomas.
Unha das principais novidades desta edición será o Talentia IT Skills, un programa de formación e certificacións en tecnoloxía que busca cubrir a crecente demanda de perfís tecnolóxicos. Este programa ofrece formación oficial en áreas clave como a computación na nube, a análise de datos a gran escala (Big Data), a Intelixencia Artificial, a ciberseguridade, as redes e a programación, con cursos de fabricantes e institucións de referencia como Microsoft, Meta, Cisco Networking Academy e Python Institute. Segundo informou o Concello, “a oferta está pensada tanto para as persoas en fase de reciclaxe profesional como para aquelas que desexen dar os seus primeiros pasos no ámbito tecnolóxico”. A través do Talentia Summit ofertaranse mil prazas neste programa, para actividades formativas que se desenvolverán ao longo dun ano.
Ademais, este ano refórzase a oferta relacionada cos idiomas, de maneira que a través de Talentia Summit 2024 podernase obter certificacións oficiais como o Oxford Test of English, recoñecida polo MCERL para os niveis A2, B1, B2 e C1. Desta maneira, as persoas inscritas poderán validar o seu nivel de inglés e mellorar o seu perfil.
Entre os recursos formativos dispoñíbeis a organización destaca tamén os cursos de Linkedin Learning, cunha licenza temporal que permitirá acceder a máis de 15.000 accións formativas da plataforma en temas tan diversos como desenvolvemento persoal, xestión de proxectos, programación ou deseño gráfico.
En canto á feira de emprego de Talentia Summit 2024, desenvolverase nun formato totalmente virtual. Así, as persoas participantes poderán explorar as oportunidades laborais que ofrecen empresas de referencia en múltiples sectores, contactar directamente cos seus responsables de selección, e participar en entrevistas en liña, webinars e actividades de traballo en rede sen necesidade de desprazarse. Nas casetas virtuais haberá información detallada sobre as empresas participantes, e ofrecerase a posibilidade de interactuar cos seus responsábeis de selección, en encontros en liña nos que se poderán coñecer de primeira man as ofertas de emprego dispoñíbeis, os perfís máis demandados e as expectativas de cada organización. A feira contará tamén con dinámicas de grupo e obradoiros prácticos, así como con sesións de mentoría nas que expertos en desenvolvemento profesional orientarán persoalmente aos asistentes para resolver dúbidas sobre a súa carreira, identificar as súas fortalezas e mellorar a súa empregabilidade.
O Talentia Summit 2024 comezará o martes 12 de novembro co foro de conferencias estratéxicas Persoas con propósito impulsando a innovación. O evento reunirá a expertos e expertas de recoñecido prestixio, que compartirán a súa visión sobre os retos e oportunidades no mercado laboral actual, e abordarán temas como a dixitalización, as claves para o éxito organizacional, a conciliación laboral e as novas tendencias en captación de talento. O foro celebrarase na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.
Uns días antes do comezo da feira virtual publicarase todo o catálogo de actividades dispoñíbeis e abriranse as inscricións para reservar prazas de forma gratuíta en talentiasummit.com.