Tarxetas de captura de vídeo a través de conectores HDMI

martes, 25 de setembro do 2007 Marcus Fernández

BlackMagic Design lanzou as tarxetas de captura de vídeo Intensity e Intensity Pro que inclúen conectores HDMI o que permite aproveitar as saídas de alta definición das últimas videocámaras dixitais ou outros equipos de vídeo de alta calidade.
As tarxetas conéctanse ó ordenador nunha fenda PCI-Express x1 e é compatible tanto con PC coma con Mac, vendéndose nunha versión básica (só con portos HDMI) a 249 dólares e outra profesional (que tamén inclúe conexións por compoñentes e RCA) por 349 dólares.
As tarxetas Intensity soportan vídeo en alta definición de xeito directo, sen ter que atopar cos problemas de compresións coma HDV e DV, de xeito que conservan máis detalle nas imaxes e mantén toda a profundidade de cor.
A compatibilidade de software tamén é destacable, pois inclúe controladores que permiten o seu uso en aplicacións moi habituais para Windows e Mac OS X coma son Adobe Premiere Pro, After Effects ou Final Cut Pro, sendo tamén compatibles con DirectShow e QuickTime, polo que tamén se pode empregar para facer streaming de vídeo ou para calquera outra función de que precise captura de vídeo en tempo real (como podería ser a autoría de DVD).

PUBLICIDADE