Tatsunoko vs Capcom permitirá enfrontar a personaxes de Comando G cos de Street Fighter

venres, 23 de maio do 2008 Marcus Fernández

Será posible enfrontar a Mark con RyoOs xogos de loita para recreativas e consolas de videoxogos mesturan en moitas ocasións a personaxes de distintas compañías, e así son xa clásicos os xogos de Marvel vs Capcom ou Capcom vs SNK e pronto veremos Mortal Kombat vs DC Universe ao que se unirá un xogo que era difícil de imaxinar: Tatsunoko vs Capcom.
Tatsunoko é unha compañía responsable de series de animación coma Meteoro, Belfy y Lilibit, Comando G, Los Gatos Samurai, Macross, Evangelion, Casshern ou Chicho Terremoto, que cede os seus personaxes para que se enfronten en combate ao protagonistas de videoxogos de Capcom coma Street Fighter, segundo adiantou a revista Famitsu.

Ata o momento só se confirmaron 4 personaxes para o xogo

Polo momento só sabemos da participación de Mark (Comando G), Casshern, Ryo e Chun Li (estes dous últimos dos videoxogos de Street Fighter), que se enfrontarán no máis puro estilo dos outros xogos de combate versus de Capcom (loita en 2D). Os combates funcionarán en modo Tag Battle (ou sexa, en equipos de 2 contra 2, podendo cambiar de personaxe en calquera momento do xogo) e tamén será posible loitar no aire con supersaltos ou ataques aéreos.
Aínda non se detallaron as plataformas para as que sairá este novo título de Capcom, pero é de supor que se limitará ás consolas de nova xeración. Nos vindeiros meses coñeceremos máis personaxes que se incorporarán ao xogo, que parece que nun principio se limitará aos máis serios da produtora nipona (aínda que a aparición de Chicho Terremoto ou dos Gatos Samurai seguro que sería benvida polos seguidores das series de animación xaponesas).

PUBLICIDADE