Teclado sen fíos para o control multimedia

xoves, 25 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Trust está a vender un teclado sen fíos, modelo KB-2950, que vai moito máis aló, e está pensado para o seu uso coma mando a distancia para aplicacións de Media Center. A comunicación co ordenador faise grazas a un pequeno receptor USB que funciona na banda dos 2,4 GHz e pode operar a unha distancia de ata 10 metros.
O teclado integra dous botóns trackball, roda de desprazamento e 16 teclas de función especiais, converténdose nunha solución moi axeitada para controlar películas, música e fotografías, así como para chatear ou escribir correos electrónicos.
Para completar este teclado tamén é compatible coa Xbox 360, o que permite mellorar a experiencia de uso na consola de Microsoft (especialmente ao ter que introducir datos en formularios de rexistro ou chatear).
Pero o que está a sorprender máis deste teclado é que en EE.UU. se pode adquirir por 25 dólares (supomos que aproveitando algunha oferta de liquidación), prezo moi inferior ao de teclados semellantes (que normalmente superan os 150 euros), aínda que en España o seu prezo continúa a ser duns 59 euros, o que continúa a ser bastante competitivo.

PUBLICIDADE