Tekken: Blood Vengeance sorprende cun Blu-ray híbrido

mércores, 8 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Nun evento celebrado por Namco Bandai en Dubai antes do E3 anunciouse que tras varias películas inspiradas na súa franquía de videoxogos Tekken (todas dunha calidade que deixa oito que desexar) finalmente parece que teremos unha obra de certo nivel, Tekken: Blood Vengeance, que está a ser desenvolvida por Digital Frontier (estudo que estuvo detrás das películas de animación por ordenador de Resident Evil) e que conta cun guión de Dai Sato (responsable das series de animación Cowboy Bebop e Ghost in the Shell: Stand Alone Complex).
Este filme estrearase o vindeiro verán nos cines xaponeses, pero a súa chegada ao mercado doméstico vai ser un tanto rechamante, xa que a película incluirase nun disco Blu-ray híbrido no que tamén estará dispoñible un remake en alta definición do xogo Tekken Tag Tournament, de xeito que cando introduzamos o disco nun reprodutor de Blu-ray veremos directamente a película, pero de facer o mesmo nunha PlayStation 3, poderemos optar por ver o filme ou xogar á revisión dunha das entregas máis recoñecidas da saga. Este curioso disco responderá ao nome de Tekken Hybrid e comercializarase a partir do outono.


Avance da película de animación 3D


Anuncio en vídeo de Tekken Hybrid

A película de animación por ordenador amosará un nivel gráfico destacable

PUBLICIDADE