Telefónica comprométese a ofertar máis móbiles con menú e funcións en galego

luns, 12 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Xesús Vázquez, conselleiro de Educación, e Ignacio Aller, director de Telefónica en Galicia

O panorama de fabricantes e operadoras telefónicas que acheguen o galego ou o portugués en todos os seus modelos non é que sexa moi amplo, precisamente. O ronsel deixado por Alcatel, unha das empresas que máis fincapé fixo en impoñer un aquel de lóxica no mercado (con móbiles en galego para clientes galegos), non foi seguido polos restantes fabricantes e operadoras con igualdade de compromiso. Resultado: tanto che podía tocar un móbil con galego ou portugués, como un aparello con tódalas súas funcionalidades de vangarda pero precario no fundamental: a comunicación co usuario. Con todo, Telefónica semella querer coller a devandita testemuña, ou polo menos así nolo conta. Segundo fai saber a operadora, está previsto incrementar os esforzos no seo da empresa para ofertar móbiles con menú e operatividade en galego no noso mercado. A medida (anunciada xa a principios de xuño) forma parte dunha serie de actividades a desenvolver de xeito conxunto coa Xunta, colaboración da que tamén forma parte o Proxecto Glossa e iniciativas saídas del como os cursos de galego para os seus empregados.
Estes e outros proxectos foron dados a coñecer polo miúdo este luns 12 de xullo durante a sinatura dun convenio para fomentar a lingua asinado polo director de Telefónica en Galicia e Asturias, Ignacio Aller, e o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad.
Este acordo é unha continuación do convenio establecido entre a operadora e Política Lingüística no pasado mes de abril, convenio que deu como resultado o dito Proxecto Glossa e que entre outras cousas incluía diferentes accións para promover a nosa fala e a aprendizaxe de galego entre os traballadores de MoviStar.
A través do convenio asinado hoxe”, sinala Educación, “a compañía de telecomunicacións comprométese a fomentar que os móbiles dispoñan da opción do menú en galego”. Ademais disto, engade, promoverá campañas entre os seus abonados para dar a coñecer os modelos de terminais con lingua galega. Cómpre sinalar que a día de hoxe, a operadora ten no seu catálogo galego máis de 100 móbiles con estas capacidades, a maioría deles incorporando un dicionario. As medidas asinadas, por certo, tamén inclúe a posibilidade de comunicármonos coa compañía, sexa de palabra ou por escrita, na nosa lingua, “garantindo que exerzamos así o noso dereito a sermos atendidos en calquera das linguas oficiais”, engade Educación. Polo que respecta á achega no acordo deste departamento da Xunta, dicir que se comprometerá a facilitar o apoio e o asesoramento técnico preciso sobre os distintos aspectos lingüísticos e terminolóxicos que se presenten, “dando cobertura institucional a calquera iniciativa de Telefónica que teña como finalidade a promoción da lingua e a cultura galegas”.

PUBLICIDADE