Telefónica faise con eyeOS no camiño de xerar máis servizos na nube e máis software libre

martes, 1 de abril do 2014 Redacción

Pau García-Milà, fundador da empresa adquirida agora por Telefónica

Telefónica fixo pública este martes a adquisición de eyeOS, a iniciativa empresarial catalá de computación na nube e responsábel entre outras cousas dunha contorna de escritorio web de código aberto (contorna do mesmo nome, eyeOS, coa que vén colaborando a operadora dende 2010, segundo informa a propia compañía de telecomunicacións, coa finalidade de fortalecer a súa oferta de servizos na nube para móbiles e fomentar o software libre).
Por certo que da experiencia de eyeOS tivemos ocasión de dar conta o ano pasado en Vigo, coa presenza no Congreso de Novos Empresarios (AJE Vigo) de Pau García-Milà, fundador da empresa adquirida agora por Telefónica, quen describiu deste xeito dita contorna: unha plataforma de nube cunha interface de escritorio baseada na Web e que inclúe importantes recursos para a xestión da información persoal, ferramentas de colaboración e aplicacións empresariais.
Volvendo ao acordo co operadora, dicir que a tecnoloxía desenvolvida por eyeOS permitirá a Telefónica “ofrecer un servizo de virtualización de escritorio (VDI) de código libre á vez que reforzar a oferta actual de Telefónica de SaaS cunha solución eficiente e de atractivo prezo para a PEME e, especialmente, a Administración Pública, un sector que conta normalmente cunha ampla base de usuarios que acceden a un mesmo paquete de aplicacións centralizadas e xestionadas desde unha mesma plataforma”. Ademais, eyeOS posibilitaralle “mobilizar aplicacións legacy de cara ás empresas, unha tecnoloxía que deixa marxe a Telefónica para brindar solucións integrais e axustadas ás necesidades do cliente baseadas en software libre e capaces de competir con outras propostas comerciais”.
Para a compañía de telecomunicacións, a adquisición é “un paso máis na estratexia tecnolóxica de de impulso de solucións de programación libre como Firefox VOS, o proxecto promovido xunto á Fundación Mozilla, ou WebRTC, a tecnoloxía aberta que permite as comunicacións de audio e vídeo a través de internet e que lidera TokBox, a compañía adquirida por Telefónica en 2012”. Ademais, en palabras do propio Garcia-Milà, o acordo amosa “a vontade da compañía por traballar con iniciativas empresariais creativas a prol da innovación, buscando tamén o talento e as mellores ideas fóra da súa estrutura”. E engadiu: “Trátase dunha moi boa nova porque permitirá a eyeOS non só consolidar e ampliar a súa proposta tecnolóxica senón tamén facela máis internacional aproveitando a rede mundial de Telefónica”.
Segundo explica Telefónica, eyeOS manterá a súa sede na capital catalá onde seguirá traballando un persoal composto por un equipo de profesionais altamente cualificados que pasará a formar parte da operadora. Pola súa banda, Pau Garcia-Milà seguirá vinculado aos procesos innovadores da compañía que fundou, aínda que de xeito externo.
Lembrar que ámbalas compañías veñen colaborando desde 2010 cando traballaron xuntas no desenvolvemento da versión 2.0 do escritorio web eyeOS. Ademais, en setembro pasado reforzaron a súa relación coa sinatura dun acordo para potenciar a virtualización de aplicacións Windows ou Linux nun formato HTML5. “Trala súa integración en Telefónica, eyeOS seguirá funcionando como unha subsidiaria independente e dirixida polo seu actual CEO Michel Kisfaludi”, conclúe a operadora.

PUBLICIDADE