Telefónica ofrece ás empresas os servizos da súa plataforma Big Data con tecnoloxía de HPE
mércores, 26 de abril do 2017
Telefónica
vén de habilitar ao servizo das grandes empresas os
servizos da súa plataforma de Big Data Hortonworks de Hadoop,
sustentada na tecnoloxía de Hewlett Packard Enterprise (HPE). O
obxectivo desta achega é permitir que as compañías poidan
“optimizar os seus datos sen necesidade de investir en
infraestruturas e asesoramento”. Isto, sostén a operadora,
emprazará ás empresas nunha máis óptima situación para mellorar
os seus recursos e procesos, axilizar a toma de decisións ou
emprender desafíos novos. En definitiva, trátase de fornecelas de
metodoloxías accesíbeis para subirse ao carro da chamada Industria
4.0 (máis eficaz, máis eficiente, máis sustentábel e máis
capacidade para facer máis con menos).
A
accesibilidade e a dispoñibilidade son as claves da iniciativa. De
feito tanto Telefónica como HPE manifestaron que son conscientes das
dificultades das grandes compañías para emprenderen proxectos de
aproveitamento da información inxente nas redes e servidores,
“debido á súa complexidade, á súa heteroxeneidade e á rapidez
con que se actualiza a tecnolóxica deste sector”. O servizo de
Telefónica, porén, proporciona ás empresas “unha oferta
homoxénea, coa flexibilidade precisa para aumentar a capacidade
contratada segundo medra o volume dos seus datos a procesar”,
informa a operadora, engadindo que a dita plataforma de Hadoop ten
dúas funcionalidades básicas, por unha banda permitir a colleita e
almacenaxe de todo tipo de información (un acubillo único) e pola
outra guindar procesos de transformación de datos.
Ademais,
Telefónica fornece ás grandes empresas consultoría tecnolóxica
para “manter os seus procesos de xestión e extracción de datos
sempre actualizados, así como servizos de analítica avanzada coas
aplicacións que mellor se adapten ás súas necesidades”.
Lembrar
que a plataforma de datos Hortonworks de Hadoop é un recurso aberto,
open source, despregado sobre equipamento de HPE e aloxado no
Alcalá Data Center, desde onde Telefónica opera, monitora e
administra a infraestrutura.