Televés amosará a súa tecnoloxía na principal feira de telecomunicacións de Finlandia

martes, 31 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Televés vén de anunciar que participará activamente nunha das principais xuntanzas do sector das telecomunicacións de Europa, dando conta das súas máis recentes novidades e ampliando na medida do posíbel o seu radio de acción no mercado. Falamos da Internacional Exhibition of Electricity and Communications de Jyväskyä, Finlandia, o salón de referencia do país nórdico dentro deste sector. Televés, que chega á devandita localidade para amosar tecnoloxía punteira, ombro con ombro con algunhas das compañías máis senlleiras do mundo, canalizará as súas propostas a través do stand de Anvia, distribuidor da firma galega en Finlandia.
A participación de Televés no salón nórdico, que se celebra do 1 ao 3 de febreiro, centrarase en boa medida en dar conta, polo miúdo, da súa nova gama de centrais para a amplificación, con especial fincapé no circuíto eléctrico da central Pikocom, “que reduce de xeito considerábel o seu tamaño para facilitar a súa instalación dentro das caixas de acceso nas vivendas”, sinala a firma compostelá nun comunicado.
Asemade, presentarase no salón a gama de medidores de campo H45, que, a través da incorporación do procesado dixital, fan máis doado e preciso o traballo dos instaladores de telecomunicacións.

PUBLICIDADE