Televés lanza un receptor de TDT que recibe o sinal de satélite

venres, 30 de outubro do 2009 Raquel Noya

Logo de sorprendernos co lanzamento de varios dispositivos nas últimas semanas, entre os que destaca a antena de TDT para barcos e caravanas, Televés vén de lanzar unha nova ferramenta, o adaptador ZAS-Combo, un receptor dixital que é quen de decodificar o sinal tanto dende a antena terrestre (TDT) como a través do satélite Hispasat (recepción xestionada por Abertis), permitindo levar a nova televisión ata lugares que antes tiñan certa dificultade.
A súa versatilidade convirte ao ZAS-Combo no receptor “ideal” para aquelas zonas de orografía complexa onde non chega a cobertura de TDT por vía terrestre. Nestes lugares, o receptor pode captar o sinal da televisión dixital a través do satélite e garante, deste xeito, poder disfrutar de toda a oferta da TDT cun só dispositivo.
O novo receptor de Televés súmase á gama de adaptadores ZAS, desenvolvidos pola compañía galega para a recepción da TDT en calquera tipo de televisión, e caracterizados, segundo afirman, pola súa “fiabilidade, facilidade de uso, altas prestacións e mínimo consumo enerxético”.
Ao igual que o resto dos seus dispositivos, o novo ZAS-Combo fabrícase nas propias instalacións de Televés e leva por elo o selo European Technology Made in Europe, como garantía de fiabilidade e vangarda tecnolóxica.

PUBLICIDADE