Tesla prepara unha base de carga semellante á cancelada AirPower

luns, 26 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Un dos grandes bochornos que pasou Apple nos últimos anos foi ter que anunciar que a súa base de carga AirPower non chegaría a ver a luz comercialmente xa que non conseguiron facela posible pese a presentala publicamente nun evento público, de aí que agora sorprenda moito ver que a tenda en liña de Tesla poña á venda nos EE.UU. a Wireless Charging Platform. Esta base de carga á venda por 300 dólares é capaz de cargar até 3 dispositivos simultáneos até a 15 watts cada un, podendo colocarse os trebellos en calquera posición sobre a súa superficie, ou sexa, que basicamente sería como a AirPower que perseguía Apple, pero cun deseño que encaixa na liña estética do Cybertruck de Tesla.
Esta base de carga comezará a enviarse aos consumidores no mes de febreiro e está composta pola base de carga de aluminio cunha superficie de Alcantara, un soporte extraíble por se queremos inclinar a base de carga, un adaptador de corrente de 65 watts e un cable USB-C integrado.
Cando chegue aos usuarios haberá que comprobar se realmente o produto cumpre co prometido, ou se realmente presenta problemas como os que levaron a Apple a cancelar a AirPower (como quecer en exceso).

PUBLICIDADE