Tetris Effect chega a ordenadores persoais

mércores, 24 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Hai un ano chegou a PlayStation 4 o xogo Tetris Effect, mantendo as mecánicas do clásico Tetris e sumándolle conceptos visuais familiares para os seareiros de Enhance Games (equipo detrás de Rez Infinite e Lumines) que resultaban especialmente espectaculares de reproducir o xogo cun casco de PlayStation VR, e aínda que parecía que este detalle ía deixar a este título como exclusivo para PS4, finalmente chega a ordenadores persoais, cun lanzamento en primicia a través da Epic Games Store.
O xogo permite gozar dun orixinal Tetris con máis de 30 escenarios con cadansúa música, efectos de son e estilo gráfico, que converten o xogo en toda unha experiencia, lucindo especialmente ben se temos un equipo conectado a unha pantalla 4K ou incluso a un monitor ultrapanorámico, xa que a versión para PC de Tetris Effect procura tirar proveito do noso hardware.
Pero o máis curioso deste lanzamento é precisamente que chegue a través da Epic Games Store, xa que é u movemento contra natura, xa que para poder gozar do xogo cun caso de realidade virtual HTC Vive é preciso ter instalado SteamVR no noso equipo, ou sexa, que resulta evidente que o xogo desenvolveuse para a súa incorporación á tenda de xogos de Valve, aínda que teremos que agardar para poder velo en Steam (probablemente uns 12 meses).

Vídeo no que anuncian o lanzamento de Tetris Effect a través da Epic Games Store

PUBLICIDADE