The Beep permitirá escoitar música no fogar a través de servizos de streaming

venres, 7 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Dende EE.UU. están a presentar unha nova proposta para escoitar música no fogar, que consiste cun dispositivo chamado The Beep que podemos conectar aos altofalantes que queiramos (por mini-jack, RCA ou entrada óptica) para que poidan servir para recibir música dende servizos en liña como Pandora (máis adiante esperan que funcione con Spotify, Rdio, radios en liña...) grazas a que conta con conectividade Wi-Fi, o que tamén facilita que poidamos controlar este trebello dende o móbil (a través da súa aplicación oficial para iOS e Android).
Estamos no que algúns describen como “o Chromecast para a música”, permitindo incluso que instalemos varios destes receptores no noso fogar, de xeito que todos reproducirían a mesma música. Deste xeito temos unha solución moi diferente aos altofalantes Bluetooth, pois neste caso non se depende dun equipo emisor, senón que a música chega mediante streaming de servizos en liña.
The Beep conta cun grande botón para iniciar a reprodución e facer pausa, podendo servir tamén de control de volume xirándoo, aínda que o seu control mediante aplicacións móbiles parece ser o máis práctico, coa curiosidade de que varios usuarios poderían controlar o sistema á vez (dándolle un toque social).
Este produto é unha creación de dous antigos traballadores de Google, Daniel Conrad e Shawn Lewis, e polo momento só pode reservarse dende EE.UU. a un prezo de 99 dólares cada dispositivo (o que suporá un aforro de 50 dólares fronte ao prezo que terá tras o seu lanzamento oficial o vindeiro outono).


Vídeo promocional de The Beep

PUBLICIDADE