The Binding of Isaac supera o millón de unidades vendidas

mércores, 18 de xullo do 2012 Marcus Fernández

O xogo é unha especie de roguelike con numerosos alxubes xerados aleatoriamente

The Binding of Isaac (O Sacrificio de Isaac) é un xogo independente para PC que saíu á venda a finais de setembro do ano pasado, conseguindo bastante boa aceptación entre crítica e público pola súa orixinal mestura de shooter de rol e acción xerado aleatoriamente (polo que é un tanto roguelike) que parte dun argumento un tanto macabro (tomamos o papel de Isaac, cativo que ten que fuxir da súa nai, quen escoitou a voz de Deus pedíndolle un sacrificio para demostrar a súa fe).
No xogo Isaac deberá moverse por multitude de alxubes nos que enfrontarse a tolos inimigos, irmáns e irmás perdidos, medos e, finalmente, á súa propia nai. Conta con máis de 100 obxectos únicos, máis de 50 tipos de inimigos, máis de 20 xefes, 4 capítulos completos con 8 niveis cada un, máis de 3 clases desbloqueables e múltiples finais. Unha auténtica xoia que pese a afastarse do tradicional vén de superar o millón de copias vendidas, o que é unha moi boa marca para un título independente para PC ideado por só 2 persoas (Edmund McMillen e Florian Himsl) e 1 compositor (Danny Baranowsky).

Este título independente, pese a ser obra dun grupo reducido de persoas, conseguiu chegar ao millón de unidades vendidas

PUBLICIDADE