The Division destaca entre os Xogos con Gold do mes que vén

venres, 28 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Os Xogos con Gold que recibirán os subscritores de pagamento de Xbox LIVE no mes de setembro veñen de anunciarse oficialmente e están claramente protagonizados por un título, Tom Clancy’s The Division¸ shooter en liña para Xbox One que causou furor pola súa orixinal e coidada proposta na que convida ao xogador a salvar a unha cidade de New York sumida no caos empregando mecánicas de xogo refrescantes ao combinar elementos de personalización tipo rol con combates de acción táctica.
Cómpre salientar que estamos ante un título que só funciona con conexión á Rede (algo co que claramente contan todos os subscritores de Xbox LIVE).
O outro xogo de Xbox One do mes de setembro é The Book of Unwritten Tales 2, unha historia de fantasía que durante unhas 20 horas permitiranos vivir unha aventura chega de quebracabezas e humor, con numerosas parodias a clásicos do xénero (O Señor dos Aneis, Xogo de Tronos, Harry Potter, Mundodisco, O Hobbit...).
Os xogos retrocompatibles de setembro serán, por unha banda, de Blob 2 para Xbox 360, e por outra, Armed and Dangerous para a Xbox orixinal. de Blob 2 é unha divertida aventura de acción no que haberá que devolver á cor aos habitantes da cidade mediante mecánicas propias dun xogo de plataformas que incluso conta con multixogador a pantalla partida; mentres que Armed and Dangerous é un xogo de disparos bastante modesto recuperado con melloras para Xbox One X.

PUBLICIDADE