The Last of Us Parte I estrea versión renovada para PS5

venres, 2 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O xogo The Last of Us de Naughty Dog supuxo a culminación da xeración de consolas á que pertence a PlayStation 3, consola para a que está considerado un dos mellores xogos e especialmente o que mellor aproveita tecnicamente o potencial da consola de Sony, resultando bastante curioso que un ano despois do seu lanzamento estrease xa unha remasterización para PlayStation 4, con gráficos mellorados.
Xa en 2020 puidemos ver como esta aventura recibía unha segunda parte para PlayStation 4, con numerosas melloras a nivel gráfico e xogable, e agora que a PlayStation 5 parece que vai camiño de solucionar os seus problemas de distribución, poñen á venda unha revisión de The Last of Us Parte I, de xeito que o título orixinal pode xogarse en PlayStation 5 incorporando as melloras que xa vimos na súa segunda parte, e incluso mudando certos deseños dos personaxes para que encaixasen mellor coa súa secuela.
Non falamos dunha simple remasterización na que se mellora a resolución gráfica e as texturas como se fai con moitos outros xogos, senón que desta volta os cambios son máis profundos, pero sen mudar a trama nin afectar á esencia do xogo. Tratouse de aplicar o que en Naughty Dog foron aprendendo nos últimos anos a un xogo de 2013, gozando dunha presenza gráfica máis realista (tanto pola complexidade dos modelados como polas novas técnicas de iluminación) e con pequenos cambios na xogabilidade para poder experimentar o título como un xogo actual máis.
Estamos así ante unha grande oportunidade para revivir un dos mellores videoxogos que se fixeron nunca, así como tamén unha porta de entrada nesta saga para novos xogadores que poden verse atraídos a The Last of Us pola serie de televisión que está prevista para o ano que vén.

PUBLICIDADE